Thursday 09 de May de 2024

O alumnado da EIM Raíña Lupa de Boqueixón celebra unha gran festa de Samaín


O alumnado da Escola Infantil Municipal (EIM) Raíña Lupa de Boqueixón vén de celebrar esta mañá unha animada e deliciosa festa de Samaín. Durante toda esta semana, as cativas e cativos participaron na creación dunha vistosa exposición de cabazas decoradas por eles mesmos e polas súas familias e na elaboración dun mural. Ademais, tamén se ofreceron sesións de contacontos.

Esta completa semana finalizou hoxe coa festa de Samaín na que as pequenas e pequenos bailaron ao ritmo da música, para despois degustar os postres típicos desta época. Case todos eles tiñan castañas ou cabazas entre os seus ingredientes.

Para isto, unha vez máis, a EIM Raíña Lupa de Boqueixón contou coa colaboración das familias do alumnado. Dende o centro educativo quixeron reiterar o seu agradecemento aos familiares pola súa implicación no desenvolvemento destas iniciativas lúdicas e educativas.